17 oct 2014

Insuascola


Trala boa aceptación da actividade das Mañás nas Insuas, pretendemos abrir unha nova liña de actividades de educación ambiental, que estarán enmarcadas dentro da INSUASCOLA, comezando pola Insuascola de Outono e pretendendo facer un ciclo de actividades en cada estación do ano.

A Insuascola de Outono terá lugar na casa das Insuas (Rábade) os venres do mes de novembro de 16:30 a 18:00 para os nenas e nenos de 4 a 11 anos e de 18:30 a 20:00 para mozas e mozos de 12 a 14 anos.

As catro tardes terán un custo total de 30 € para a poboación xeral e 25 € para os socios da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Dentro das actividades que pretendemos facer utilizaremos espazos dentro e fóra da Casa das Insuas, tendo moi presente a natureza para amosarlles a importancia que ten nas nosas vidas, facéndoos parte da mesma. 

Se estiverades interesadas podedes chamar ó 677440658 para recibir máis información e inscribirvos.

13 oct 2014

Limpeza do río Ladra no entorno da Ruta dos Caneiros (Begonte)

Informávosmos que o vindeiro luns 20 de outubro dende a AGCT desenvolveremos unha xornada de limpeza pola beira do río Ladra, na ruta dos caneiros de Begonte. Para elo contaremos coa colaboración dos alumnos do C.E.I.P "Virxe do Corpiño" desta localidade. Nesta xornada combinaremos a recollida de lixo da ribeira fluvial có paseo interpretativo do entorno. Esta zona está incluida no LIC Parga-Ladra-Tamorga e na Reserva da Biosfera de Terras do Miño, albergando importantes valores naturais. A AGCT traballa coa xente da zona e as institucións na súa conservación.
Esta actividade enmárcase no programa “Playas, ríos, voluntariado y custodia del territorio” do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente a través da Fundación Biodiversidad.


8 oct 2014

Observadores de fauna: anfibios e réptiles das Terras do Miño

O sábado, 18 de outubro, realizaremos unha xornada de campo para a observación e coñecemento dos anfibios e réptiles das Terras do Miño.
Os anfibios e réptiles son un grupo de animais de grande interese que están a sufrir unha elevada perda nas súas poboacións. Con esta actividade preténdese achegar ós cidadáns as diferentes especies existentes na Reserva da Biosfera de Terras do Miño e a súa importancia e necesidade de conservación.
A visita estará guiada por Martiño Cabana Otero, técnico da AGCT e doutorando da Universidade da Coruña. Sairase desde a Casa das Insuas (Rábade) e percorreranse, con coches propios, diferentes zonas da reserva como son o río Miño e a Lagoa de Cospeito.
Como tódalas actividades que se realizan no campo, é necesario comida e auga para o xantar e tamén roupa e calzado de abrigo.


21 sept 2014

Limpeza simultánea de ríos

O sábado 28 de setembro realizaremos un roteiro interpretativo polo río Miño e recollida do lixo observado durante o percorrido que se realizará polos concellos de Rábade e Outeiro de Rei. Os nosos ríos sufren a diario unha forte ameaza e, entre elas, a presenza do lixo é unha das maiores ameazas. Temos que poñer da nosa man para solucionar estes problemas ambientais e se podemos facelo gozando do propio río, mellor que mellor! 
Esta actividade entróncase coa labor que estamos a desenvolver conxuntamente a Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Deputación de Lugo e outras entidades para mellorar o estado de conservación dos valores ambientais do río Miño ó seu paso polos concellos de Rábade e Outeiro de Rei. 
Anímate a participar nesta actividade e móllate polos ríos!!!

16 sept 2014

II xornadas de bioconstrución: a madeira estrutural


Desde a Asociación Galega de Custodia do Territorio invitámosvos a participar nas II xornadas de bioconstrución: a madeira estrutural que se celebrarán en Rábade os días 26, 27 e 28 de setembro.
A AGCT colabora con Espiga na organización de ditas xornadas. Desde a nosa entidade, pretendemos colaborar e axudar a outras entidades para fomentar a realización de actividades respetuosas do medio ambiente.
Máis información e inscrición en http://espigabioconstrucion.org/?page_id=440 ou o correo espigabiocosntrucion@gmail.com.



13 sept 2014

Noite de morcegos nas Insuas do Miño

Durante a tarde e a noite do 20 de setembro celebraremos na Casa das Insuas e nos seus arredores unha xornada adicada ó estudo e observación dos morcegos galegos. Contaremos coas explicacións de Roberto Hermida, investigador de Morcegos de Galicia e membro da AGCT co que coñeceremos este grupo de mamíferos voadores.
Achegamos o cartel da actividade e esperámoste nas Insuas!!!

9 sept 2014

Voluntariado ambiental no río Miño

O vindeiro luns 22 de setembro desenvolvemos a primeira xornada de voluntariado ambiental dentro do programa Praias, Voluntariado e Custodia do Territorio promovido pola Fundación Biodiversidad.
Contaremos coa participación de escolares de Rábade e de voluntarios da AGCT. Esperámoste a ti tamén.
Anímate a participar!!!