A Asociación Galega de Custodia do Territorio e Charcas
con Vida convocan unha xornada de voluntariado ambiental para creación de
charcas que se celebrará o día 30 de novembro na Casa das Insuas.
Durante esta xornada recuperaremos unha antiga canle de
rega situada na cabeceira do Prado da Ponte, finca custodiada pola AGCT na que
a entidade desenvolve diversas actividades de educación ambiental e
conservación da natureza. Crearemos tamén unha nova charca para ofrecerlle á
flora e á fauna da zona un novo hábitat, moi escaso e ameazado na zona.
As canles de rega e as charcas de prado foron unhas
estruturas de grande utilidade durante o pasado, xa que se usaban para regar as
fincas e para acumular auga para usar durante a época estival. Os animais tamén
as usaban para desenvolver o seu ciclo vital, alimentarse, reproducirse, etc. É
por iso que este proxecto vai ter unha grande influencia sobre a conservación
da biodiversidade da zona.
Con este proxecto, tamén pretendemos implicar ao
voluntariado nunha actividade de especial interese para a conservación dos
invertebrados, anfibios… que viven nos sistemas acuáticos e recuperar os
antigos usos tradicionais que se lle daba a auga na agricultura.
O voluntariado contará con seguro de accidentes, comida e
ferramentas apropiada. Será necesario levar roupa de traballo e botas de auga.
Para inscribirte, envía un correo a custodiadoterritorio@gmail.com
ou no 630-94.82.93 (Martiño).
Esta actuación enmárcase no proxecto Charcas con Vida,
coordinado por ADEGA que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do
Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente. As actividades da Casa
das Insuas son organizadas pola Asociación Galega de Custodia do Territorio,
realízanse coa colaboración co Concello de Rábade.