28 may. 2015

Saída ó campo para a observación de Anfibios e réptiles

O sábado 6 de xuño realizaremos una saída para a observación de anfibios e réptiles pola Terra Cha, de 11:00 a 18:00.
Os anfibios e réptiles son un grupo de animais que están a recibir un grande interese por parte da sociedade, aínda que as súas poboacións están a sufrir unha elevada cantidade de ameazas humanas. Con esta actividade preténdese achegar ós cidadáns as diferentes especies existentes na Reserva da Biosfera de Terras do Miño e a súa importancia e necesidade de conservación.
A visita estará guiada por Martiño Cabana Otero, técnico da Asociación Galega de Custodia do Territorio e doutorando da Universidade da Coruña. Sairase desde a Casa das Insuas (Rábade) e percorreranse, con coches propios, diferentes zonas da reserva como son o río Miño, a Lagoa de Cospeito, a área recreativa de Sete Muíños, o encoro de San Xoán entre outros lugares.
Como tódalas actividades que se realizan no campo, é necesario levar comida e auga para o xantar e tamén roupa e calzado adecuado.
Inscricións en www.deputacionlugo.org (http://goo.gl/TUrQ5L)
Máis formación en: custodiadoterritorio@gmail.com ou no tfn: 630-94.82.93/620-59.38.92
 

11 feb. 2015

Curso teórico-práctico de poda de froiteiras

O sábado, 21 de febrero de 10:00 a 14:00 impartirase o curso teórico-práctico de poda de froiteiras. Comezaremos na Casa das Insuas (Rábade) cunha breve charla sobre a poda de froiteiras e logo achegarémonos ata o Xardín das Froiteiras (Rábade) para realizar traballos de poda estrutural.
O prezo do curso é de 10 € para os socios da AGCT e de 12 € para os non socios.
A inscrición pode realizarse en custodiadoterritorio@gmail.com ou no 630.94.82.93 (Martiño).

Voluntariado ambiental no Prado da Ponte

O domingo, 22 de febreiro, entre 10:30 y 14:00 realizaremos unha xornada de Voluntariado ambiental na finca experiemental do Prado da Ponte, unha finca custodiada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio na que se desenvolven actividades de conservación da natureza e de educación ambiental. Componse de varias zonas en rexeneración ambiental: un bosque de ribeira no que se están a eliminar as especies alóctonas invasoras existentes; un Salicetum ou plantación experimental de vimbios que nos permite obter o material para a realización de cursos de cestería e dous humidais, unha charca e unha canle tradicional, de vital importancia para as anfibios e insectos acuáticos da zona.
Nesta xornada realizarase a poda e mantemento de vimbios para cestería, así como a ampliación do Salicetum da Casa das Insuas a través da plantación de vimbios autóctonos, así como unha serie de actividades xerais de mellora ambiental.
 

5 feb. 2015

Música ao Natural

Estimados amig@s,
O vindeiro 11 de febreiro, no auditorio da Casa das Insuas, en Rábade, a Asociación Galega de Custodia do Territorio organiza unha nova xeira de Música ao Natural.
Música ao Natural é un pequeno ciclo de concertos, que poderá perpetuarse no tempo, se conta co apoio popular. Aproveitando viaxes de músicos nacionais e internacionais, organizaamos unha serie de concertos no auditorio da casa das Insuas, para gozar, neste entorno natural tan singular, de música tamén ao natural, dun xeito acústico e próximoao público.
Os concertos fináncianse coa colaboración do público e nun futuro, a Asociación espera poder contar cun número suficiente de subscritores para que a iniciativa siga adiante.
Un dos propósitos deste ciclo é valorar a música como traballo, como medio de vida, e apoialo coa nosa colaboración. Pero Música ao Natural, tamén considera importante valorar a artesanía, a autosuficiencia... o traballo vinculado á terra e aos oficios que nos falan da nosa tradición. Así, a Asociación propón unha sorte de troco: será benvido todo produto artesán, ou de cultivo propio para cambialo polo concerto.
Con esta iniciativa, a Asociación pretende:
  1. Abrir un espazo á creación, e poder establecer un circuíto moi singular, para gozar -a poucos centímetros- de proxectos acústicos de músicos de primeiro nivel internacional.
  2. Aprender e gozar de culturas doutros lugares.
  3. Ofrecer cultura de calidade no rural.
Despois dos concertos, se poderá conversar cos músicos compartindo comida e bebida procedente de comercio xusto e produción ecolóxica.
Nesta sesión de Música ao Natural estará connosco o dúo La Forcelle presentando o seu novo albúm directamente dende Francia.
Será o día 11 de febreiro ás 20:30 horas na Casa das Insuas. 
Imprescindible reservar praza no enderezo: concertosaonatural@gmail.com. Colaboración: 6 euros. 
Para os nenos que asistan ao concerto, La Forcelle fará un pequeno didáctico sobre instrumentos e danza ás 19:30 h.
Máis información en casadasinsuas.org
 
 

Conservación e xestión dos valores naturais da RB Terras do Miño

Como continuación das xornadas da tempada 2013-14, organizamos esta nova xeira onde continuamos analizando os valores naturais da Reserva da Biosfera Terras do Miño, poñendo especial énfases nas prioridades de conservación dalgúns dos seu compoñentes así como no papel que pode xogar a ferramenta da custodia do territorio na súa conservación.

Programa
09:30 h. Os bosques na RB de Terras do Miño: Prioridades de conservación. Manuel Rodríguez Guitián (Dpto. Produción Vexetal USC/ IBADER)
10:30 h. O mazarico real na RB de Terras do Miño: Prioridades de conservación. Jesús Domínguez Conde (Dpto. Zooloxía e Antropoloxía física USC)
11:30 h. Pausa café
12:00 h. A importancia das paisaxes rurais para a biodiversidade. Emilio Díaz Varela (Dpto. Enxeñaría agroforestal USC)
13:00 h. Mesa redonda – Coloquio: O papel da custodia do territorio na conservación dos valores naturais da RB Terras do Miño.
14:30h. Peche da xornada


11 dic. 2014

Vídeos da xornada O Oso Pardo en Galicia

Os días 29 e 30 de novembro celebramos a xornada "O Oso Pardo en Galicia", contando coas ponencias de Guillermo Palomero (Aspectos sociais na conservación do Oso Pardo) e de Jorge Layna (O Oso Pardo en Galicia: situación da especie y propostas de xestión). Actividade organizada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio e a Deputación de Lugo.
Ofrecémosvos as grabacións das xornadas para que poidades escoitar todo o que nos contaron os poñentes sobre esta interesante especie.




3 nov. 2014

Voluntariado ambiental no Prado da Ponte

O sábado, 15 de novembro, de 10:30 a 14:00 teremos unha actividade de voluntariado ambiental no Prado da Ponte.
O Prado da Ponte é unha finca custodiada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio na que se desenvolven actividades de conservación da natureza e de educación ambiental. Componse de varias zonas en rexeneración ambiental: un bosque de ribeira no que se están a eliminar as especies alóctonas invasoras existentes; un Salicetum ou plantación experimental de vimbios que nos permite obter o material para a realización de cursos de cestería e dous humidais, unha charca e unha canle tradicional, de vital importancia para as anfibios e insectos acuáticos da zona.
Nesta xornada realizarase unha mellora dos humidais do Prado da Ponte (charca e canle) e a instalación dunha protección do Salicetum (plantación experimental de vimbios), así como unha serie de actividades xerais de mellora ambiental.